SERMOS GALIZA. En Construción.
En todo caso, a previsión do grupo promotor é celebrarmos a Xunta Xeral de accionistas, que terá de aprobar as primeiras decisións importantes da sociedade e elixir o Consello de Administración, antes de finalizar o mes de febreiro. O calendario co que traballamos prevé aínda que o dixital estará operativo no mes de marzo e o semanario nos quiosques, o máis tardar, o 17 de maio. Con certeza, o próximo Día das Letras celebrarémolo coa ilusión renovada de contarmos con voz propia: Sermos Galiza.
Despois de varios meses intensos de actividade pública, en que o obxectivo era dar a coñecer a iniciativa Sermos Galiza por toda a parte e recabar apoios para o proxecto, abordamos neste momento un traballo calado mais igualmente necesario. Pode, por iso, dar a sensación de que o proceso perdeu ritmo. Porén, nada máis lonxe da realidade. Sabemos das expectativas que levantou Sermos Galiza e por esa razón comprendemos -e partillamos- as ansias e até a impaciencia de termos o novo medio nas nosas pantallas e nas nosas mans canto antes. Sabémolo porque son moitas as persoas que nos perguntan: como vai? Cando sae?. Pois… xa falta menos!
Após termos conseguido -e mesmo ultrapasado- o obxectivo de capital social e chegarmos a 900 accionistas, estamos agora a traballar noutros aspectos necesarios para que o medio poida comezar a funcionar. É un traballo complexo e máis lento do que a tod@s nos gustaría: preparar a constitución da sociedade, proxecto xornalístico, deseño do web e do semanario, plataforma dixital, infraestrutura material… Sermos Galiza está en plena tarefa de construción!






