Para a CIG Ensino é totalmente inaceptábel e inxustificábel a pretensión da Consellaría de Educación de non convocar Oferta de Emprego Público para este ano Van xa tres anos consecutivos nos que non hai oferta de secundaria e na maioría da formación profesional Esta medida supón que para o curso que vén os centros terán menos profesorado, xa que nin sequera se van cubrir, mediante oferta de emprego, as vacantes que se produzan como consecuencia das xubilacións.

Trátase, polo tanto, dun recorte máis dos que constantemente vén sometendo o Goberno do Partido Popular ao ensino público. Neste curso, os centros educativos teñen 1.000 profesores/as menos, feito que se verá agravado ao non cubrir, nin sequera, as vacantes que se produzan pola xubilación.

O secretario nacional, Anxo Louzao, manifestou que estamos ante unha decisión que amosa a total supeditación do conselleiro de educación aos mandatos do Partido Popular de Madrid, asumindo unha recentralización das competencias educativas, xa que a oferta de emprego é unha competencia da administración educativa galega que ten que considerar as necesidades e as carencias do sistema educativo galego, que son diferentes ás que poidan ter outros territorios do estado español.

Esta decisión, nin sequera, respecta a posibilidade de convocar o 10 % da taxa de reposición que recolle o Decreto Lei 20/2011 de medidas urxentes de materia orzamentaria. A CIG-Ensino esixe a convocatoria da Mesa sectorial para negociar a oferta de emprego deste ano no ensino.

Do contrario, non desbota levar a cabo mobilizacións.