"Creo nos liderados colectivos"

Defendemos un BNG con perfil claro, nacionalista, de esquerdas e alternativo tanto nas propostas como nas formas

O candidato da Alternativa pola Unidade a encabezar a candidatura do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou hoxe nunha entrevista na Radio Galega que «desde a Alternativa pola Unidade defendemos un BNG con perfil claro, nacionalista e de esquerdas e alternativo tanto nas propostas como nas formas».

Jorquera enfatizou a aposta da Alternativa pola Unidade polo «traballo social» e a «democracia participativa». Perguntado sobre se á APU lle serve o actual marco autonómico, Jorquera foi moi claro: «O BNG é nacionalista e a aspiración de todo nacionalista é que o seu país sexa soberano».

Baixo o seu ponto de vista, o «marco autonómico está a dar sinais de evidente esgotamento», tal e como se puxo de manifesto na sentenza contra o Estatut catalán ou nas políticas centralistas desenvolvidas polos sucesivos gobernos do Estado.

Creo nos liderados colectivos

Inquerido a respeito de quen debe exercer o liderado dentro do BNG, se o portavoz nacional ou o candidato á presidencia da Xunta, Jorquera expresou a súa crenza «nos liderados colectivos», nas equipas e non nos liderados personalistas. No BNG manda a militancia do BNG, veu dicer, e quen ostentará o auténtico liderado do BNG unha vez concluída a Asemblea será o Consello Nacional entrante, concluíu.